Read more: http://techdesktop.blogspot.com/2007/08/manual-cual-es-el-feed-de-mi-blog.html#ixzz2OPda9Tcp

21 de dezembro de 2013

O Masacre de Katyn ao descuberto?
En galego o novo traballo de Grover Furr


Arquivo en PDF: 


Películas, documentais e un monte de libros conseguiron que abonde nomear “Masacre de Katyn” para que os ceos se encapoten e negras nubes tracen a face dun Stalin especialmente satánico deitando sangue polos afiados cairos.

O certo é que Katyn, a englobar o nome desta fraga todos os presuntos asasinatos cometidos polos soviéticos durante a guerra, constitúe a pedra chave encol de que se edifica o mito do terror soviético. Non en van é o “acontecemento” sobre o que máis documentación achegaron historiadores burgueses e anticomunistas para conformaren a versión oficial. O “Masacre de Katyn”, a versión oficial elaborada en primeira instancia, non o esquezamos, por Goebbels, viría demostrar a veracidade do resto de “atrocidades” cometidas durante a época de Stalin. Tamén, e non menos importante, representa a perfecta escusa que teñen os “demócratas” dos antigos países socialistas para xustificaren as súas políticas fascistas e racistas antes e durante a guerra.

Mais un recente achado de arqueólogos polacos e ucraínos semella pór en serias dúbidas a versión oficial. Restos persoais de soldados polacos que até agora se dicía que foran asasinados entre abril e maio de 1940 en Kalinin e soterramos en Mednoe, aparecen a centos de quilómetros, en Volodimir-Volinski. É máis, tamén se atoparon documentos datados en 1941 e cartuchos de bala de orixe alemá dese mesmo ano.

Aqueloutras congratúlase de poder ofrecer na nosa lingua este novo traballo do historiador Grover Furr.

8 de dezembro de 2013

Sobre Mandela e Mugabe: o conto (imperialista) do bon e o mao



 Heroe de liberación bon - Heroe de liberación mao
 Stephen Gowans
What’s left

 Semellaba inevitábel que o mesmo día en que os xornais occidentais amenceron ateigados de eloxios ao recentemente finado heroe da liberación nacional de Sudáfrica, Nelson Mandela, outro heroe da liberación nacional africana, Robert Mugabe, debía ser vilipendiado. «Con case 90 anos, Mugabe continúa a dirixir a economía de Cimbabue á ruína», láiase Geoffrey York en The Globle and Mail de Canada.

Mandela e Mugabe son figuras chave da liberación dos negros do sur de África do poder branco. Daquela, por que a riada de aleluias por Mandela e os continuos ataques a Mugabe? Por que é Mandela o bon líder da liberación nacional e Mugabe o mao?

Moito disto ten a ver co grao en que os proxectos de liberación de Sudáfrica e Cimbabue ameazaron os intereses económicos brancos e occidentais, case nada na Sudáfrica de Mandela e considerabelmente no Cimbabue de Mugabe.

A propaganda occidental dinos que Mandela era bon porque era un “demócrata”, mentres Mugabe é mao por ser un “ditador”. Mais abonda rascar a superficie para deixar asomar os intereses económicos que hai detrás disto.

En Sudáfrica a propiedade da terra continúa en poder da minoría branca, como pasaba durante o apartheid. A redistribución da terra, no mellor dos casos, tivo lugar a paso de tartaruga. En Cimbabue, a terra pasou dos colonos brancos e os seus descendentes ás mans da maioría negra. A economía surafricana está dominada polos brancos e occidentais. Cimbabue está dando pasos cara ao control indíxena da economía, poñendo o control maioritario das riquezas naturais do pais e os medios de produción en mas dos negros.

A importancia crucial dos intereses económicos na demonización occidental de Mugabe fica ao descuberto na denuncia que York fai do plan para nacionalizar [indigenize] a compañía canadense New Dawn Mining, algo que obrigaría a uns poucos canadenses ricos a entregaren as súas participacións maioritarias na explotación da riqueza mineral de Cimbabue.  Para York, un goberno africano que dea ao seu pobo a posesión da súa propia economía é impensábel, mais moitos países ricos, incluído Canada, fixeron o mesmo.

Mandela, en troca, rexeitou as peticións para nacionalizar as minas de Sudáfrica, aceptando a dominación branca e occidental da economía do país como un principio fundamental dunha boa xestión económica.

E así temos que Mugabe, que deu a terra e as riquezas minerais aos negros africanos quitándollas aos descendentes dos colonos brancos e os propietarios estranxeiros, é visto como  a reencarnación do diaño nun xornal canadense que se ocupa de informar desde a perspectiva dos intereses empresariais canadenses. As empresas canadenses queren que os países do mundo lles abran as portas das súas riquezas, e non  gustan de gobernos que se interpoñan no seu camiño. E Mandela non o fixo.

Reciclando os habituais mitos que conforman o paradigma anti-Mugabe,  o propagandista de The Globe and Mail afirma que as dificultades económicas de Cimbabue son debidas á pésima xestión de Mugabe, non ás sancións occidentais. Sanción que limita, erroneamente, a restricións nas viaxes de Mugabe e os seus máis achegados. Isto esquece a estadounidense Lei de Recuperación Económica e Democrática de Cimbabue, que bloqueou a asistencia financeira a Cimbabue por parte das institución internacionais de crédito, un grande obstáculo para o desenvolvemento económico do país. É como se York culpa da destruída economía da Unión Soviética após a Segunda Guerra Mundial á má administración comunista, borrando da historia a Operación Barbarossa ou a invasión nazi. York tan só sigue o procedemento estándar do sistema de propaganda occidental, atribuíndo os problemas económicos dun país á má xestión e non ás sancións que os provocan.

Canto á dicotomía demócrata vs. ditador, é un artificio de propaganda. É o que os gobernos e os medios occidentais usan para lexitimaren líderes que protexen os intereses empresariais occidentais e satanizaren líderes que os ameazan.